Xa non sorprende ver cada día un novo framework para desenvolvemento web áxil empregando técnicas de andamiaxe (scaffolding), modelado Obxecto-Relacional, sistema de plugins, integración coa nube, ... todo o que vén sendo un Full Stack Web Framework. Dende o "boom" Ruby on Rails foron moitos os desenvolvedores que implementaron o seu stack empregando ferramentas de consola para automatizar a creación de código (CakePHP, symfony, Zend_Tool, django, Grails, ...)
No mundo "puramente" Java, co cal quito desta afirmación Grails (xa que é linguaxe Groovy), parece que son máis reticentes a isto das ferramentas para automatización de código e os desenvolvedores prefiren perder tempo en interminables ficheiros de configuración XML, véxase a configuración dun proxecto Struts.
Non deixa de ser certo que linguaxes como Ruby, Python ou PHP, son máis flexibles e permiten a implementación destas funcionalidades dun xeito máis simple e directo mediante metaprogramación ou polo simple feito de xerar un ficheiro de texto co código a interpretar.
PERO é aquí cando a xente de SpringSource decidiu incrementar a productividade dos desenvolvedores creando Spring Roo. Esta ferramenta facilita o acceso a todas as principais e máis importantes tecnoloxías Java do momento, para crear aplicacións empresarias sen perder en rendemento. Facendo uso da consola que proporciona roo podemos crear a estructura do proxecto, as entidades JPA, os controladores e as vistas en Spring MVC, a interface en GWT, as buscas con Solr, fluxos con Spring Web Flow, desenvolver os nosos propios «addons», ... e finalmente paquetizar a nosa aplicación nun ficheiro WAR para posteriormente despregalo nun contedor web.